A ESCRAVITUDE DO SÉCULO XXI
Hoxe, 23 de setembro, Día Internacional contra a explotación sexual e o Tráfico de Mulleres, Nenas e Nenos, a asociación Feminista Falando Nós e a Plataforma Feminista Galega, DENUNCIA a necesidade de visibilizar e ACTUAR contra esta grave violación dos Dereitos Humanos.
A Conferencia Mundial da Coalición Contra o Trafico de Persoas en coordinación coa Conferencia de Mulleres ( Bangladesh, 1999) establece o 23 de setembro como Día Internacional contra a Explotación Sexual e Trafico de mulleres, nenas e nenos en conmemoración da lei 9.143 (Argentina, 1913) primeira norma legal no mundo contra a prostitución infantil.
A trata constitúe o segundo negocio ilícito máis lucrativo do mundo despois do tráfico de droga, reportando aos tratantes 32.000 millóns de euros anuais. Este delito da delincuencia organizada transnacional afecta ao dereito á vida, á integridade física e psíquica, á seguridade, á liberdade e á dignidade de millóns de mulleres e nenas.
A trata representa unha clara manifestación das relacións asimétricas entre homes e mulleres, polo tanto, a trata non é neutral en termos de xénero. Nacións Unidas estima que entre catro e cinco millóns de persoas son vendidas anualmente vítimas da trata, sendo o 80% mulleres e nenas, e destas o 95% son vítimas da explotación sexual.Datos oficiais afirman que a idade das mulleres recrutadas para a explotación sexual está sendo cada vez máis temperá, xa que o 48% das mulleres obrigadas a prostituírse teñen menos de dezaoito anos, o que significa, que se incrementou a demanda de menores de idade por parte dos homes prostituíntes.
España representa o terceiro país do mundo por detrás de Tailandia e Porto Rico en consumo de prostitución e sitúase como o segundo país da Unión Europea despois de Italia con máis casos de trata de mulleres con fins de explotación sexual. Estímase que este delito move no Estado Español 3.7000 millóns de euros anuais (el 0,35% del PIB) de ganancias para as mafias e proxenetas.
É hora de que como sociedade poñamos o foco sobre os prostituintes, sobre aqueles que pagan polos corpos das mulleres. Para eles o sexo non é o máis importante. É a relación de poder a que conta. Aqueles que son incapaces de relacionase ou que gozan posuíndo e dominando as mulleres.
AS PLATAFORMA FEMINISTA GALEGA e FALANDO NOS reinvindicamos:
1. O compromiso dos Estados na creación de medidas, mecanismos normativos e institucionais efectivos na loita contra a prostitución.
2. A necesidade dunha Lei Orgánica Integral contra a trata de mulleres, nenas e nenos con fins de explotación sexual no Estado Español.
3. A creación e desenvolvemento de programas de intervención e prevención que actúen
sobre a raíz da trata con fins de explotación sexual: a demanda masculina de sexo de
pago.
4. Ao igual que a lei abolicionista sueca, criminalizar aos prostituintes, incorporando a
demanda de prostitución como delito dentro do Código Penal.
5. O desenvolvemento de protocolos de detección, identificación e protección das
mulleres, nenas e nenos vítimas da trata; e a formación continuada dos profesionais.
6. O compromiso de asistencia integral á mulleres, nenas e nenos vítimas da trata.
7. A instauración da educación para a igualdade e a educación afectivo-sexual como
materia obrigatoria para a formación das novas xeracións.
8. A implicación da sociedade civil a través de campañas de sensibilización e
concienciación na loita contra a trata de persoas.
9. Instar aos medios de comunicación e empresas editoriais a eliminar a publicidade
prostituinte.
“TODAS TEMOS UN PAPEL NA LOITA CONTRA A ESCRAVITUDE DO SÉCULO XXI”
ACTÚA.